Os alumnos de 2º ciclo de Educación Primaria continuamos traballando sobre o lema deste ano: “Camiña”. Para iso, neste 2º trimestre quixemos comezar recordando e falando dos principais camiños que levan á nosa cidade: Camiño Francés, Camiño portugués, Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Camiño Inglés e a Vía da Prata, entre outros. Deles investigamos as súas principais rutas de paso e características.
Unha vez que contextualizamos os diferentes camiños e tendo en conta que nos atopamos de cheo en Ano Santo, quixemos seguir “camiñando” coa presenza de Xesús.
Foi momento para crear un clima de silencio e reflexión e escoitar a súa palabra:
“Eu son o camiño, a verdade e a vida. Ninguén pode chegar ao Pai senón é por medio de min” (Juan 14:6).
Continuamos cun diálogo aberto sobre o que acababamos de escoitar. Chegamos á conclusión de que cada un de nós fai o seu propio camiño, toma as súas propias decisións. O que ocorre é que non sempre o facemos da maneira axeitada, non sempre “eliximos o mellor camiño”.
Para recapitular e observar todo isto dunha maneira máis práctica, vimos a fábula “A cigarra e a formiga” e entre todos puxemos en común as cuestións importantes que en dita fábula puidemos apreciar.
Finalmente fixemos unha dinámica na que cada alumn@ reflexionou sobre as súas propias metas persoais, tendo en conta que é moi importante que saiban que queren conseguir. Eles mesmos a través desta actividade entretida crearon a súa cuncha de metas persoais, para posteriormente reflexionar sobre o que poden facer para conseguilo.
Crearon o seu propio camiño para chegar á súa meta (cuncha). A través desta dinámica, tomaron conciencia do valor do esforzo, imprescindible para lograr os seus obxectivos, todos poden voar cara a meta desexada, pero han de superar con esforzo ese camiño.
Para chegar a dita cuncha, pasando polos diferentes camiños, primeiro tiveron que cubrir a ficha das metas persoais. Para isto, explicámoslles que todas as persoas temos desexos e soños que nos gustarían acadar, que estas metas poden ser de distinto tipo: mellorar as notas, aprender a nadar, portarme mellor na casa, ser máis bo cos meus amigos, mellorar a miña capacidade de concentrarme, ser máis paciente, etc.
Foi importante que cada un dos alumn@s tivera claro que cousas quería acadar, que é o que soña, o que o fai máis feliz... Pedímoslles que pensaran sobre iso e que tranquilamente cubriran a ficha das metas persoais.
FICHA: AS MIÑAS METAS PERSOAIS
Hai cousas que soño e que me gustarían conseguir, cousas que me farían ser máis feliz.
1. Ámbito persoal.
a) Aspectos que me fan sentir ben…
b) Calidades que me gustaría ter, cambiar ou mellorar…
c) Habilidades que me gustaría ter…
d) Cousas que me gustaría cambiar de min mesmo…
2. Ámbito familiar.
a) Aspectos que me fan sentir ben…
b) Gustaríame cambiar algún tipo de relación…
c) Que podo cambiar ou mellorar…
d) Que me gustaría facer coa miña familia…
3. Ámbito social.
a) A miña relación cos demais é boa, quero mellorala ou cambiala…
b) Que cousas non me gustan da miña forma de relacionarme…
c) Como me gustaría que foran as miñas relacións…
d) Que cousas non me gustan da miña relación cos demais…
4. Ámbito académico.
a) Estou contento/a coas miñas notas…
b) Que podo mellorar…
c) Que quero cambiar…
d) Que me gustaría alcanzar…
5. O meu futuro
a) Máis adiante gustaríame ...
b) Soño con ser, ter , facer...
Elixo 5 metas de todas as que escribín; que 5 metas me farían máis feliz?
Unha vez elixidas as 5 metas que cada alumn@ considerou, tiveron que cubrir a segunda ficha: “Que teño que facer para conseguir as miñas metas?. Para iso démoslles un tempo para que reflexionaran e a puideran completar.
Cando tiveron a ficha cuberta, preparamos a cuncha. Cada alumn@, tiña a súa en branco, na parte central puxeron o seu nome e nas ondas da cuncha escribiron as metas.
Deste xeito, e unha vez rematadas, puideron ver que cada cuncha era diferente, é dicir, que cada persoa ten unhas metas diferentes e únicas. Para conseguir acadalas cada peregrino necesita facer un camiño, cada un tivo que deseñar o seu; con traballo e esforzo conseguirán percorrelo e avanzar ata chegar á meta.
Comments