top of page
Foto del escritorPastoral Cluny

O segundo Ciclo de Primaria conmemora o Día da Non Violencia

Para conmemorar o Día da Non Violencia e a Paz (30 de Xaneiro), @s alumn@s de 2º ciclo de Educación Primaria levamos a cabo unha celebración na capela do colexio.

Alí quixemos saudar ao noso amigo Xesús e facelo partícipe do que queriamos celebrar. Non atopamos mellor lugar para reunirnos que este, onde sabemos que Xesús nos acolle e nos escoita.

Para comezar, escoitamos un pequena cita súa que nos serviu de introdución:


“A Paz vos deixo, a miña Paz vos dou. Non como vola dá o mundo, eu vola dou. Que non se turbe o voso corazón, nin teña medo”.


Con esta cita, quixemos presentarnos ante EL para seguir fortalecendo a nosa Paz.

Estamos convencidos de que se cada un de nós pon o seu gran de area, un mundo de PAZ é posible.


A continuación, uns compañeiros/as leron o decálogo para seguir medrando e mellorando na nosa PAZ.

DECÁLOGO PARA MEDRAR NA PAZ

1. Es alguén moi importante. Quérete.

2. Valora aos teus amigos. Daralles seguridade.

3. Descobre todo o que te une aos demais por riba do que te separa.

4. Respecta as opinións. Así contribuirás ao diálogo.

5. Aprende a escoitar, comprenderás mellor aos demais.

6. Esfórzate por rematar ben as túas tarefas. Gozarás co resultado.

7. Cumpre coas túas responsabilidades, os demais necesítano.

8. Traballa en grupo. Ninguén sabe máis que todos xuntos.

9. Comparte as túas cousas cos demais. Farate moi feliz.

10. Pon paz dentro de ti, desta forma estarás poñendo tamén paz ao teu redor.


Ao rematar a lectura do decálogo, escoitamos a conto “A pomba e os seus pitiños”.

Hai miles de anos houbo en Asia dous príncipes inimigos que constantemente se ameazaban aproveitando o menor pretexto.

Un deles decidiu declarar a guerra e ordenou aos habitantes da súa nación que se prepararan para loitar.


O outro príncipe aceptou o desafío. Sen embargo, como pasaran máis de quince anos dende a última batalla, non recordaba onde estaban gardadas nin a súa armadura nin a súa roupa de combate. Cando faltaba un día para o enfrontamento, pediulle a súa nai que lle levara o seu casco. A señora regresou coas mans baleiras.

— Por que non o trouxeches? — reclamoulle.

— Non puiden cargalo, pesa moito — contestou ela.

— Eu mesmo irei por el.

— Non, por favor, non o toques — pediulle a nai mentres lle impedía o paso.

— Como pensas que podo ir á guerra sen casco? — preguntou el.

— Mira fillo, dentro do teu casco, que estaba no patio traseiro, unha pomba fixo o seu niño, e dentro del hai tres pequenas crías. As pombas son as aves da paz: nunca fan dano a ninguén. Todos os días a súa nai tráelles de comer o que atopa. Como podo destruír o seu niño? Cando vexa que quero tomar o casco, a nai irase voando e deixará chorando aos pitiños. Iso traerá desgrazas ao noso país.

O príncipe non quería discutir coa súa nai e presentouse ao combate sen casco. Ao velo, o seu inimigo quedou abraiado.

— Como se che ocorre combater así?

— Miña nai decatouse de que no casco viven unha pomba e os seus pitiños. Non quixemos facerlles dano.

O outro príncipe non podía crer o que escoitaba e pediu a un dos seus homes que comprobara se a historia era certa.

— Pois si. Dentro do casco hai tres pitiños moi pequenos coa súa nai. Penso que apenas romperon a casca — confirmou o enviado.

Entón o príncipe tendeulle a man ao seu inimigo.

— Fagamos a paz para sempre. — Propúxolle — A túa nai non quixo destruír o niño da pomba e os pitiños, como podemos querer ti máis eu destruír os fogares de miles de persoas?

Desde aquel día, os dous reinos foron amigos e a pomba converteuse no símbolo da paz.

Unha vez que lemos a historia fixemos a dinámica dos pitiños. Colocamos un casco diante do altar cunha pomba dentro. A cada neno repartíuselle un pitiño no que tiñan que escribir de que maneira eles colaboran diariamente para favorecer que haxa paz. Cando remataron de escribir e colorear o pitiño, foron saíndo e leron a súa aportación para finalmente deixalo dentro do “niño” coa súa nai.

Antes de rematar a celebración, despedímonos do noso amigo Xesús, cantando a canción de “Paz, paz, paz” de Juanes e rezando a oración do Noso Pai que Xesús nos ensinou.


2 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Commenti


bottom of page